O outeiro onde se empraza o castro está situado entre os ríos Búbal ou Buble (que o defende polo sur) e o río do Porto do Rei (menos caudaloso, que o defende polo norte), a uns 630 metros de altura sobre o nivel do mar. Trátase dun castro de grandes dimensións situado entre as parroquias de Videferre (Oímbra) e Medeiros (Monterrei) que conta cunhas extraordinarias defensas naturais. O eixe maior (SW-NE), ten uns 178 metros de lonxitude máxima e preséntase claramente amesetado, presentando unhas dimensións totais aproximadas de 1,7 Ha. O eixe menor (SE-NW) acada unha anchura máxima de 118 m aproximadamente.