De propiedade comunitaria, esta modalidade de forno é o propio das sociedades de escasos recursos. Trátase dunha construción adxectiva levantada no ano 1730 e conservada polos veciños que era utilizada seguindo o sistema de rolda. O interior dos fornos comunais tradicionais posúe plataformas horizontais ao longo das paredes, coñecidas como tendais, onde se lle dá forma á masa. Seguidamente sitúase o forno propiamente dito, tamén chamado vaso do forno, que ocupa o largo da construción. A estrutura constitúese por medio dunha cámara de planta circular, a capela -asentada sobre o lar- base de pedra construída de lousas ben traballadas, con teito abovedado onde se acende o lume e se fai a cocedura do pan unha vez realizado o enfornado. O forno ten un oco de acceso -a boca- que en moitos casos leva na parte superior unha peza saínte de pedra coñecida co nome de chapilé, que ten por obxecto impedir o ascenso das faíscas.